Amnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid Icons
Estudantes mediadores sentados en mesas formando un círculo © Vega del Val

Estudantes mediadores sentados en mesas formando un círculo © Vega del Val

Blog

IES Las Musas: mediadores/as mozos/as para previr o acoso escolar

  • Poucos institutos poden presumir de non ter grandes conflitos nas súas aulas. Un deles é o Instituto Las Musas, no barrio de San Blas de Madrid, grazas ao seu programa de alumnos/as mediadores/as, que desde hai nove anos tenta mellorar a convivencia e evitar que pequenos problemas se convertan en algo máis grave. É dicir, frean episodios que puidesen derivar en casos de acoso escolar. E todo iso, fomentando o diálogo, a escoita e a empatía.
Vega Alonso, colaboradora de Amnistía Internacional,

Os alumnos e alumnas mediadores, unha media de 35 estudantes por cada ano escolar, son elixidos polos seus propios compañeiros e encárganse de observar os problemas no centro e mediar coas partes implicadas.

Despois de coñecer ben a versión das dúas partes, falas con eles, sempre sendo obxectivo. Concrétase unha data para que se reúnan e tes que axudar para que encontren unha solución. Non podes obrigalos a uns termos, senón que o teñen que decidir por eles mesmos”,

Daniel Doleschal mediador de 4º da ESO.

A súa compañeira Adriana Lucas fai fincapé en que sempre se intenta non acudir a terceiras persoas ou á xefatura de estudos, algo que só sucede en casos graves, como unha agresión. “Cando hai un conflito, alguén da túa idade vai entenderte mellor, e é máis fácil arranxalo dun xeito máis pacífico e dialogado e sen recorrer ao castigo”, asegura.

Dúas alumnas mediadoras pertencentes ao programa © Vega del Val

A impulsora deste programa, en que participan tamén nove profesoras, é a xefa de estudos Marta González, que recoñece a importancia da mediación para mellorar a convivencia do centro e engade que, ademais da prevención dos conflitos, se busca abrir maiores vías de diálogo entre todos os membros da comunidade educativa. “É dicir, que o alumno ou alumna teña a confianza para poder contar as cousas que lle suceden”.

O que tamén facemos é evitar que o sangue chegue ao río. Evitar que cheguemos a agresións, insultos etc. Non nos temos que levar ben todos con todos, senón que, se hai unha mala relación, temos que tratar de non incendiala. Se alguén che cae mal, non fai falta ter relación con esa persoa, mais tampouco fai falta provocar”

Laura Espadas, mediadora de 4º da ESO

Desde o departamento de Orientación do centro, María Jesús Jiménez fai un balance positivo deste programa, que se realiza de forma voluntaria, o que lle proporciona máis valor ao seu funcionamento. “Non chega a haber tantos conflitos, porque se solucionan antes de que pasen. No momento en que se detectan situacións en que se pode intervir, como un alumno que está a pasalo mal, axiña se dispón de ferramentas para acudir aos alumnos mediadores para llelo contar”.

 

Neste camiño, a observación do que sucede na aula é clave. Diso encárgase o alumnado de 1.º e 2.º da ESO. Son os chamados ‘alumnos axudantes’ dos ‘mediadores’, de 3.º e 4.º da ESO e de bacharelato, que son os que están formados e capacitados para levar a cabo un proceso de mediación.

Non estás a ser un acusón ao contar que están meténdose con alguén. Simplemente estás a conseguir que unha bóla non se faga máis grande, porque alguén pode saír ferido e ti tes o potencial de parar iso e que quede nunha simple discusión”, explica Pablo Arroyo, mediador de 2.º da ESO.

Máis alá das aulas, están pendentes tamén do que sucede nas redes sociais, xa que, como recoñecen, non axudan á hora de previr casos de acoso escolar. “Podes escribirlle algo a unha persoa e, ao non tela diante, non te decatas de que iso lle pode facer dano”, di Martina García. A súa compañeira Laura engade: “continuamente estamos a facer xuízos de valor sobre outras persoas, e é importante pensar as cousas con acougo, porque ás veces é algo moi inmediato que non chegamos a reflexionar”.

A través do programa Ciber Mentores, o Instituto Las Musas busca traballar o bo uso das redes sociais, como empregar estas plataformas sen que supoñan problemas para terceiras persoas e evitar o ciberacoso.

“Non podemos estar no móbil de todo o mundo, obviamente, pero se nos contan un conflito externo que implique a xente do instituto tamén podemos axudar a solucionalo, porque nós non solucionamos o conflito, senón que fomentamos o diálogo para que entre eles cheguen a un acordo”

Adriana Lucas, mediadora de 4º da ESO

Ela e o resto de alumnos mediadores non só resolven pequenos problemas ou preveñen conflitos, senón que tamén facilitan a chegada de alumnos novos ao centro, acompañándoos no seu primeiro día de clase, e detectan se hai alguén illado ou triste. Neste sentido, Blanca López explícanos que ela está máis segura ao saber que existe un grupo de mediación. “Os alumnos que están sós séntense máis cómodos sabendo que hai persoas da súa parte, que van estar aí se lles xorde algún problema”, engade Carla Pablos.

Como di Adriana, “aínda que alguén non recorra á mediación en todo o tempo que está no instituto, sente que ten ese lugar para falar dos seus problemas”. Precisamente, poder falar, ter un grupo de apoio e previr os problemas é o que converte o instituto nun espazo seguro, libre de acoso escolar. Darlles o protagonismo deste proceso aos alumnos e alumnas permítelles crecer en valores para se converter en cidadáns e cidadás empáticos e comprometidos.