Amnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid Icons

Loving contra Virxinia: o Tribunal Supremo despenaliza o amor

Por Juan Ignacio Cortés (@JuanICortes), colaborador de Amnistía Internacional,
O 12 de xuño de 1967, o Tribunal Supremo dos Estados Unidos ditaminaba que Richard e Mildred Loving tiñan todo o dereito a ser marido e muller, malia el ser branco e ela negra; e que o estado de Virxinia non podía encarceralos por iso. A sentenza supuxo a fin das leis que declaraban ilegais os matrimonios mixtos, e foi un fito na loita polos dereitos civís da poboación afroamericana.

Nos anos cincuenta do século pasado, a vida non era fácil para a poboación afroamericana no sur dos Estados Unidos.

Tras a fin da Guerra de Secesión e a aprobación da Décimo terceira emenda á Constitución, que en 1865 aboliu definitivamente a escravitude no país, a poboación negra desfrutara dun breve período de relativa igualdade sobre o papel nos estados do sur. Porén, o Compromiso de 1877 deixou en mans destes estados regular o trato legal que lle daban á poboación negra, o que daría lugar á creación das chamadas “leis Jim Crow”.

O nome con que se coñecen estas disposicións legais provén do espectáculo cómico Jump Jim Crow, estreado en 1832, en que un actor branco pintado de negro ridiculizaba os costumes, a fala e a aparencia dos afroamericanos. Desde entón, a expresión “Jim Crow” usouse para referirse despectivamente á poboación negra.

 

Foto de archivo de Mildred Loving y a su marido Richard P. Loving

 

Foto de arquivo do 26 de xaneiro de 1965, que mostra a Mildred Loving e o seu marido Richard P. Loving. © Foto AP

Estas leis crearon un sistema de segregación racial practicamente idéntico ao apartheid surafricano ou ao que estableceron as leis de Núremberg, promulgadas en 1935 polo réxime nazi para discriminar os xudeus.

O lema “separados mais iguais”, que se utilizou para xustificar a segregación, era unha mostra suprema de hipocrisía. As leis Jim Crow incluían disposicións que lles impedían á gran maioría das persoas afroamericanas exercer o dereito ao voto nos estados do sur, ao esixiren uns requisitos económicos e de formación case imposibles de cumprir para elas.

O sistema de segregación do sur tamén incluía leis antimestizaxe, que prohibían os matrimonios mixtos ou interraciais e, na maioría dos casos, as relacións sexuais entre persoas de distinta raza.

A Lei de integridade racial de Virxinia, aprobada en 1924, é un exemplo claro deste tipo de disposicións legais. O seu texto establecía: “será ilegal que unha persoa branca case con ninguén que non sexa branco”. E aclaraba quen se consideraba branco: aquela persoa “que non teña rastro ningún doutro sangue que non sexa caucásico”. Leis similares estaban vixentes noutros 16 estados a comezos dos anos sesenta.

Rapaz (branco) coñece rapaza (negra)

Malia todo, había algúns escasos redutos de liberdade nos estados do sur onde negros e brancos convivían en relativa igualdade. A pequena localidade virxiniana de Central Point era un deles. Alí vivían Mildred Jeter, unha rapaza cuxa árbore xenealóxica incluía devanceiros indios, portugueses e negros, e Richard Loving, un rapaz branco. Mildred e Richard coñecéronse no instituto e namoraron.

En 1958, xusto despois de facer os 18 anos, Mildred quedou embarazada, o que impulsou a parella a contraer matrimonio. Xa que a voda non era posible en Virxinia, recorreron en coche os 128 quilómetros que os separaban de Washington, a capital do país, para casar. Despois da cerimonia, regresaron a Central Point, pensando que ninguén os molestaría.

Estaban equivocados. Pouco despois da voda, a policía irrompeu na súa casa e encontrounos durmindo xuntos. Cando Mildred tratou de xustificar a situación sinalando o seu certificado matrimonial, os axentes dixéronlles que este non tiña validez no estado e arrestáronos.

O 6 de xaneiro de 1959, Mildred e Richard foron condenados a un ano en prisión. A execución da sentenza foi suspendida a condición de que abandonasen Virxinia e non volvesen a viaxar xuntos ao seu estado natal durante os seguintes 25 anos. A parella mudouse ao veciño distrito de Columbia e cumpriu obedientemente a súa parte do acordo durante cinco anos.

Linda Brown Smith no fue admitida en una escuela pública cuando tenía 9 años por ser negra

Foto de arquivo de Linda Brown Smith, de pé fronte á Escola Sumner en Topeka (Kansas). A negativa da escola pública a admitir en 1951 a Brown, que entón tiña nove anos, por ser negra, deu lugar ao caso Brown contra o Consello de Educación de Topeka (Kansas). © AP Photo, Arquivo

Os tempos estaban a mudar: Linda Brown, Rosa Parks e Martin Luther King

Non obstante, os tempos estaban a mudar. En todo o mundo, e tamén no sur dos Estados Unidos. A poboación afroamericana, cuxos rapaces xa mesturaran o seu sangue co dos fillos da poboación branca nos campos de batalla da Segunda Guerra Mundial, estaba farta da segregación e comezaba a sublevarse.

 

En 1954, Linda Brown converteuse na primeira estudante negra en ser admitida nunha escola só para brancos. En 1955, Rosa Parks negouse a ceder o seu asento a un home branco nun autobús de Montgomery, a capital de Alabama, e foi arrestada por iso. O suceso desencadeou un boicot aos autobuses urbanos por parte da poboación negra que durou máis dun ano e que estivo a punto de levar á ruína a empresa de transportes.

Esta mobilización proporcionou fama nacional a un ata entón descoñecido pastor protestante negro, Martin Luther King. Oito anos despois, o 28 de agosto de 1963, o carismático King congregaría en Washington unha multitude de decenas de milleiros de persoas vindas dos máis diversos puntos do país.

Os manifestantes escoitaron o reverendo pronunciar algunhas das frases máis famosas da historia: “Eu teño un soño, o de que un día esta nación se elevará e vivirá o verdadeiro significado do seu credo: que todos os homes son creados iguais”.

A Administración do presidente John F. Kennedy reaccionou á Marcha sobre Washington preparando a Lei de dereitos civís, destinada a pórlle fin –polo menos sobre o papel– á segregación. A pesar do asasinato de Kennedy en Dallas, a lei aprobouse o 2 de xullo de 1964.

Martin Luther King da un discurso en Atlanta

Nesta foto de arquivo de 1960, Martin Luther King Jr. fala en Atlanta. © Foto de arquivo de AP

A Lei de integridade racial é declarada inconstitucional: a liberdade de matrimonio é un dereito fundamental

Ese mesmo ano, cansados de non poder viaxar xuntos para visitar as súas familias en Virxinia, os Loving decidiron rebelarse. Mildred escribiulle unha carta de protesta ao fiscal xeral Robert Kennedy, quen puxo o matrimonio en contacto coa Unión Americana de Liberdades Civís (ACLU).

Os avogados da ACLU comezaron entón un pesado proceso de apelacións contra a sentenza que en 1959 declarara os Loving culpables de violar a Lei de integridade racial de Virxinia. Porén, sucesivos tribunais virxinianos foron denegando a apelación, con argumentos tan evidentemente racistas como o do xuíz Leon Bazile: “Deus Todopoderoso creou as razas e situounas en continentes separados, o que proba que non era a súa intención que as razas se mesturasen”.

Finalmente, o caso foi admitido polo Tribunal Supremo en decembro de 1966, e, o 12 de xuño de 1967, os nove xuíces acordaron por unanimidade darlles a razón aos Loving, declarando inconstitucional a súa condena de 1959 e a Lei de integridade racial de Virxinia. Segundo o alto tribunal, a liberdade de matrimonio era un dereito fundamental do que non se podería privar a ningunha persoa segundo un criterio arbitrario como a raza.

Aínda que a sentenza do Supremo implicaba que as leis similares á Lei de integridade racial eran inconstitucionais, en moitos casos seguiron a figurar nos códigos legais dos estados, aínda que sen efecto práctico. Só no ano 2000, cando Alabama derrogou formalmente a súa lexislación antimestizaxe, foron totalmente erradicadas.

El Tribunal supremo despenaliza los matrimonios interraciales en Estados Unidos

O gobernador de Virxinia, Terry McAuliffe (á dereita), mira unha placa conmemorativa, xunto coa súa esposa, Dorothy (no centro), e o alcalde de Richmond, Levar Stoney (á esquerda). Esta placa foi inaugurada no 50.º aniversario da decisión do Tribunal Supremo de Estados Unidos de anular a prohibición dos matrimonios interraciais. © AP Photo / Steve Helber

A sentenza do caso Loving contra Virxinia propiciou que os matrimonios interraciais pasasen a representar do 0,4% do total de matrimonios levados a cabo en Estados Unidos en 1960 ao 16% en 2015. Tamén foi unha das bases legais que xustificaron que o Tribunal Supremo se pronunciase en 2015 en contra de calquera restrición que os estados lle puidesen pór ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo.

En xuño de 2007, coincidindo co 40.º aniversario da sentenza, Mildred declaraba: “non pasa un día sen que pense no moito que significou para min ter a liberdade de casar coa persoa que eu amaba, aínda que outros pensasen que non debía casar con el. Creo que todas as persoas estadounidenses, sen importar a súa raza ou a súa orientación sexual, deberían ter a mesma liberdade para casar”.

Chegamos ao final da partida, mais non podemos deixar de sinalar que a historia do caso Loving contra Virxinia encerra un bonito compoñente de xustiza poética: as leis estadounidenses que prohibían os matrimonios interraciais foron derrotadas por unha parella cuxo apelido (Loving) significa “namorado”.