Amnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid Icons
Sarah Gilbert

Sara Gilbert és una vacunóloga britànica professora de vacunologia a la Universitat d'Oxford i cofundadora de Vaccitech. © Oxford University

Blog

Mulleres de ciencia tras a vacina contra a COVID-19

Por Vega Alonso del Val (@VegaAlonsoV), colaboradora de Amnistía Internacional,

As vacinas contra o coronavirus pasarán aos libros de texto como un dos fitos dos anos 2020 e 2021. Tamén deben facelo as mulleres que lideraron o seu desenvolvemento. As súas chegas e nomes non deben esquecerse ou meterse nun caixón como xa temos visto noutros casos ao longo da historia porque a sociedade non aceptaba que unha muller dirixise investigacións ou achegase ideas pouco convencionais para certas épocas. Mulleres científicas que, malia a súa brillantez intelectual e o traballo desenvolvido, non foron recoñecidas como se merecen. Todas elas terían que aparecer nos libros de texto porque, lonxe dos estereotipos, as mulleres somos tamén de ciencias.

Kizzmetia Corbett
Retrato da científica Kizzmetia Corbett, que liderou o desenvolvemento da vacina contra o coronavirus nos Estados Unidos. © Kizzmekia Corbett, CC BY-SA 4.0, vía Wikimedia Commons

O camiño cara á vacina

Chen Wei, Kizzmekia Corbett e Sarah Gilbert están detrás do desenvolvemento das principais vacinas contra a COVID-19. A epidemióloga Chen Wei dirixe o proxecto da vacina na China. Cando comezou todo viaxou a Wuhan, a zona cero, para iniciar o seu traballo contra a pandemia. Coñecida como a ‘terminator’ dos virus, ten traballado tamén contra o ébola, o ántrax e o SARS, e é a responsable da loita no país contra todo tipo de virus.

O SARS foi tamén foco de estudo da bióloga Kizzmekia Corbett, que liderou o desenvolvemento da vacina contra o coronavirus nos Estados Unidos. Ten estudado a resposta dos anticorpos humanos aos virus, como o dengue, e nos últimos anos ten traballado nunha vacina para a familia dos coronavirus. Ademais, fíxose bastante coñecida nas redes sociais por explicar e achegar os seus logros científicos á poboación nova a modo de inspiración.

En Maryland (Estados Unidos), a científica Nita Patel dirixe tamén un equipo de investigación sobre outra vacina contra a COVID-19.

Pola súa parte, a doutora Sarah Gilbert dirixiu o desenvolvemento da vacina da Universidade de Oxford, no Reino Unido, cun equipo de 300 persoas. Conta con 15 anos de traxectoria dedicada ao desenvolvemento de vacinas. Comezou estudando a malaria, ten feito fronte á síndrome respiratoria do medio oriente (MERS), ao ébola e á hepatite B, e logrou crear a vacina universal contra a gripe estacional.

Máis nomes. Isabel Sola, microbióloga e viróloga, leva 25 anos a estudar a familia dos coronavirus. No Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIC codirixe con Luis Enjuanes un equipo que desenvolve tamén unha vacina para combater a pandemia. Anteriormente xa traballara en prototipos de vacinas contra o SARS e o MERS.

As vacinas contra a COVID-19 baseadas en xenes –e non en proteínas– son unha realidade grazas ás investigacións da bioquímica Katalin Karikó e o seu chamado ‘ARN mensaxeiro’, a pesar de que durante años lle rexeitaron constantemente financiamento para estes estudos. Por este descubrimento, parte da comunidade científica considéraa a “nai da vacina” contra o coronavirus.

Katalin Karikó

Katalin Karikó, bioquímica. Parte da comunidade científica considéraa a “nai da vacina” contra o coronavirus.

A ciencia tamén é de mulleres

Todos estes traballos contribuirán a frear a pandemia e cambiar o mundo, ao igual que as investigacións doutras mulleres científicas cuxos estudos teñen cambiado a ciencia. Mulleres que, en moitas ocasións, non foron incluídas nos libros de texto, mais sen as cales a evolución da ciencia non sería a mesma.

Poñamos algúns exemplos. Barbara McClintock e os seus “xenes saltareiros”; Marie Curie e a radioactividade; Ada Lovelace e a programación; Hedy Lamarr e o seu sistema precursor da wifi; Henrietta Leavitt e a luminosidade das estrelas; Mae Carol Jemison, enxeñeira, médica e astronauta; Katherine Goble Johnson e a súa contribución aos programas da NASA; Margarita Salas, precursora da bioloxía molecular en España, ou Ángeles Alvariño e o seu descubrimento de 22 especies mariñas. A lista é interminable.

Margarita Salas

Margarita Salas, precursora da bioloxía molecular en España. © UNED Universidad Nacional de Educación a Distancia, CC BY 2.0, vía Wikimedia Commons

O efecto Matilda, ou por que os méritos da muller son menos méritos

As investigacións de todas elas reflicten a súa paixón pola ciencia e o saber, malia os atrancos que encontraron ao longo da súa carreira profesional nunha sociedade patriarcal que as tratou ou como inferiores en moitas ocasións, quitando relevancia aos seus méritos, cuestionando a súa capacidade científica, negando as súas achegas e descubrimentos ou outorgando a autoría dos seus traballos a compañeiros de investigación, ou mesmo aos seus propios esposos. Esta discriminación da muller científica coñécese como o “efecto Matilda”, un fenómeno que describiu por primeira vez a activista Matilda Joslyn Gage. De aí o seu nome.

Un dos maiores exemplos neste sentido é o de Rosalind Franklin, que obtivo a estrutura do ADN. Porén, o seu traballo non foi recoñecido ata pasados os anos, e o mérito foi entón para os seus compañeiros James Watson e Francis Crik, o que os levou a recibir o Premio Nobel en 1962.

Por que nos soan Albert Einstein, Isaac Newton, Santiago Ramón y Cajal ou Louis Pasteur e non tanto Dorothy Crowfoot, Katherine Johnson, Mary Anderson ou Grace Murray Hopper? O traballo de investigación e os logros científicos non terían que ter menos crédito se levan a sinatura dunha muller. Os seus nomes non deberían quedar nun segundo plano, pois con iso se fixo invisible a achega de brillantes investigadoras á ciencia, borráronse modelos para nenas e adolescentes e fomentáronse os estereotipos de xénero dentro deste campo. Non podemos ignorar o traballo do 50% da poboación.

A pesar dos avances dos últimos anos, a brecha de xénero nos sectores da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas (STEM) persiste desde hai anos en todo o mundo. Segundo a Unesco, menos do 30% das persoas investigadoras en todo o mundo son mulleres, e tan só unha porcentaxe similar de estudantes escollen unha carreira relacionada coas ciencias.

Chen Wei

Chen Wei, epidemióloga que dirixe o proxecto da vacina na China. © Li Xiang / Xinhua

Referentes para fomentar a vocación de nenas científicas

Para facer fronte a esta disparidade traballan varios colectivos. Entre eles, a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas, que, coa súa campaña #NoMoreMatildas, quere recuperar os nomes e os traballos de mulleres como Inge Lehmann e os seus estudos sobre o núcleo da Terra; Emmy Noether, coas súas revolucionarias teorías da física, e nai da álxebra moderna, ou Marie Tharp e o primeiro mapa científico de todo o solo oceánico. Tamén loitan para que a vocación científica de moitas nenas non se apague polo instalado estereotipo de que a ciencia é cousa de homes.

No Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia –que instaurou a ONU en 2015– preténdese alcanzar a igualdade de xénero, con acceso e participación equitativa nesta materia. Unha data que nos invita a lembrar que o papel da muller na ciencia ten sido e é fundamental. Que as nenas o coñezan é vital para que conten con referentes nestas áreas que as axuden a impulsar as súas competencias e vocacións, a non encontrar ningún límite ao preguntarse ata onde poden chegar. A ciencia é tamén cousa de mulleres.