Amnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid Icons
Pamela Palenciano durante unha das súas representacións. © Privada

Pamela Palenciano durante unha das súas representacións. © Privada

Blog

“O teatro é unha gran ferramenta pedagóxica contra a violencia de xénero”

Vega Alonso, colaboradora de Amnistía Internacional,

A actriz e activista Pamela Palenciano leva máis de 15 anos a percorrer teatros, colexios e institutos co seu monólogo No solo duelen los golpes, toda unha declaración contra as actitudes machistas e a violencia de xénero. Un relato autobiográfico narrado a través do humor e a ironía, e tamén un exercicio de pedagoxía para mozos e mozas e profesorado.

–Informes sobre violencia de xénero na adolescencia denuncian que unha de cada catro rapazas sofre violencia psicolóxica e de control e que un de cada cinco rapaces pensa que a violencia machista non existe. Sorprenden estes datos?

Fomos cara atrás. É curioso, porque antes de ler as noticias ou un estudo, aprendo máis do que vexo na aula. Aprendo como está a sociedade e o porqué deste retroceso.

–Por que fomos cara atrás?

Hai moitos porqués, mais temos estas cifras porque na poboación adulta son as mesmas. Se negan a violencia de xénero na súa casa, como non o vai negar un rapaz de 14 anos? O traballo en sensibilización sobre violencia machista foi brutal de 2003 a 2018, mais desde 2017 a mensaxe antifeminista da ultradereita estaba a cocerse de forma moi forte no ámbito internacional e comezou a chegarlle á xente nova a través de youtubers, nos que atopou un altofalante antifeminista moi grande. Podes estar ou non de acordo co feminismo, mais neste caso dedícanse a dinamitar todo o que sexa feminista polo feito de selo.

–Que efecto teñen estas mensaxes na xuventude, tendo en conta o seu vínculo coas redes sociais?

É grande cando se ven horas de vídeo en YouTube ou TikTok cunha mensaxe antifeminista. Tamén hai que ter en conta que ten habido un apoderamento impresionante das rapazas, mais cos rapaces a cousa quedou coxa. Talleres de masculinidade, novos modelos masculinos… O traballo é escaso. Se as rapazas se apoderan e os rapaces non se desapoderan neste sentido, que ocorre? Pois que negan a violencia machista.

–Con que ferramentas podemos traballar para frear a violencia de xénero nos institutos?

Están moi cansos de talleres e charlas. Eu son unha apaixonada do teatro, da gran ferramenta artística e pedagóxica que é. O profesorado dime: “como logras traballar en 90 minutos cousas que a min me custan un ano?”. Eu digo que é a maxia do teatro. Toca moito “a fibra” da emoción e, cando algo pasa polo corpo, o de relativizar a violencia machista non se dá.

–Cres que o plan de igualdade debería formar parte do currículo académico?

Tería que ser algo transversal. Hai que traballar máis todos os días con todo o profesorado e non só en datas sinaladas. Tamén traballar con pais e nais e ver de que se queixan, porque ás veces o fan dos proxectos ou charlas feministas ou do colectivo LGTBI de forma automática, mais non se, en vez diso, van a ver a obra La casa de Bernarda Alba, que é forte e violenta. O profesorado ten tamén o papel de lles explicar que estas actividades forman parte do currículo, e non só matemáticas e lingua. Non é cuestión de convencer a ninguén, senón de dialogar e entender o que está a pasar.

Foto de Pamela Palenciano en primeiro plano. © Privada

–A poboación nova ve a violencia de xénero como algo que lles pasa ás mulleres adultas, como sinalan algúns estudos?

Si. En relacións da súa idade chámano “tóxico”. Isto tamén é novo. A palabra ‘tóxica’ é o branqueamento da violencia. En adultos ven máis fácil dicir ‘maltrato’ porque un home mata a súa muller, ou conviven xuntos e hai maltrato. Por iso, o teatro failles ver situacións en que se poden ver reflectidos e reflectidas e ver que o que reciben ou fan é tamén violencia machista. Ves como un rapaz que entra cunha actitude defensiva sae doutra maneira. Téñenme dito: “Co que estás a contar, sinto que maltrato un pouco a miña moza”. E é bo velo, porque teñen a idade xusta para deixar de facelo.

–Que aprendes na aula?

Aprendo a miña parte adultocéntrica, que moitas veces se nos esquece. Como adultos pensamos sempre que temos a razón, e falar desde a posición de poder ou de autoridade non funciona. Aprendo a entender o que lles ocorre, as situacións que viven; a falar con eles. É importante transmitirlles aos rapaces que liberarse do patriarcado os vai facer mellores homes, que iso tamén os beneficia a eles e non só ás rapazas.

–Cando unha adolescente se identifica como vítima, que lle dis?

Que teñen que buscar apoio, tanto a elas, como vítimas de violencia de xénero, como a eles, como parte que exerce esa violencia. Dígolles que sempre vai haber unha persoa adulta que vai estar preto para apoialos se precisan de axuda.

–Adoitas dicir que un dos obxectivos do monólogo é contar o que na túa adolescencia non che contaron. Fálase pouco de violencia de xénero coa xuventude?

Hai de todo, porque hai programas marabillosos, mais sigo a pensar que na aula non están contando o que eu querería que me contasen cando era adolescente. Por exemplo, non culparme, porque ás veces escoitas profesores dicirlles cousas ás vítimas de violencia machista cunha perspectiva de vitimización, e ese non é o camiño. Gustaríame que naquel momento me contasen que hai moitos tipos de vítimas e de persoas que maltratan. Na miña época falábase de crime pasional e púñase o estereotipo da muller maior, ama de casa, sen estudos, cun marido borracho etc. Eu non me identificaba con iso. Ademais, reducilo a algo comportamental responsabiliza o individuo e deixa de verse o colectivo. O home que maltrata non nace: faise, porque hai unha sociedade que o alimenta para medrar como machista. E se se é algo que se constrúe, tamén se pode desconstruír.

–Desde hai anos sofres acoso diario polo teu traballo como activista. Como convives con esta situación?

Levo catro anos de acoso en internet e vendo como as miñas actividades foron vetadas. É difícil separar a vida persoal da activista e da laboral. É unha violencia moi sutil. Contan mil veces unha mentira sobre a miña persoa para que se converta en verdade. O nivel de fustrigación non ten nome, ata o punto de sacar cousas de onde non hai ou de sacalas de contexto. Do 25 de maio ao 26 de agosto, as ameazas de morte eran diarias. Ao final, a paixón é a que me move. Quedo co cambio que vexo nos rapaces nos 90 minutos que dura o monólogo. Iso dáme moita forza.