Repaso aos datos
A finais de outubro, o Ministerio de Igualdade recollía a cifra de 36 mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas en 2021, unha cifra lixeiramente inferior á de 2020 nesa mesma data (38).
Desde 2003, a cifra total de mulleres vítimas de violencia de xénero ao final do ano flutúa entre a media centena (49 en 2016) e máis de 70 (76 en 2008), para totalizar 1117 mulleres asasinadas desde que o rexistro estatístico deste tipo de crimes comezou.
Malia o camiño percorrido desde que en decembro de 2004 se aprobou a Lei orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, queda moito por facer para erradicar esta violencia da nosa sociedade. Sen dúbida, educar en igualdade desde a infancia é fundamental para que algún día poidamos ver a fin deste horror.
Recursos educativos
Pensamos que valía a pena, ao achegarse o 25 de novembro, repasar algúns recursos educativos para traballarmos o tema da violencia contra a muller. A recompilación non é exhaustiva, pois, afortunadamente, eses materiais proliferan cada vez máis; porén, agardamos que vos sexa útil.
O proxecto Educando en Igualdade, da Federación de Empregadas e Empregados dos Servizos Públicos de UGT, é un amplo compendio de materiais propios sobre igualdade de xénero, coeducación, educación afectiva, historia das mulleres ou linguaxe non sexista. Inclúe tamén unha sección de biblioteca e ligazóns a outras páxinas e outros recursos educativos e noticias.
Educar en Igualdad é un proxecto da Fundación Mujeres, que recolle gran cantidade de materiais educativos, como lecturas, xogos ou vídeos. Ademais, documenta experiencias educativas e abre a posibilidade de incorporarse a unha comunidade educativa sobre os temas de igualdade de xénero.
Os departamentos de educación das distintas administracións españolas tamén teñen posto en marcha numerosos repositorios de recursos para educar en igualdade e en contra da violencia de xénero, tanto na esfera estatal como na autonómica.
En ocasións, este compromiso coa coeducación ten ido máis alá e tense transformado en verdadeiros programas educativos, como Skolae, en Navarra. Estes avances non se producen sen polémica, pois, ao tempo que premiado pola Unesco, Skolae viuse envolto nunha acendida polémica político-xudicial.
Música, banda deseñada e vídeo
Algunhas propostas didácticas, como a do Centro Aragonés de Referencia para la Equidad y la Innovación, do Departamento de Educación do Goberno de Aragón, inclúen enfoques tan innovadores como o emprego do rap para falar sobre os problemas de violencia de xénero. Na rexión xa o puxeron en práctica con notables resultados.
A páxina da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero contén numerosos recursos para abordar o tema. Falando de música, un dos máis interesantes é talvez a súa selección de cancións, que inclúe temas de La Oreja de Van Gogh, Pasión Vega, Bebe... Algúns, como Déjala que baile (Alejandro Sanz/Melendi/Arkano) ou La puerta violeta (Rozalén), convertéronse en verdadeiros himnos.
Seguindo no ámbito artístico e sen saír da páxina da Delegación do Goberno, o cómic Pillada por ti describe como a relación entre Olivia e Martín, unha adolescente con numerosas inquedanzas e un adolescente entregado ao seu equipo de fútbol, vai volvéndose tóxica.
Tamén especialmente centradas en adolescentes son as curtametraxes da campaña Encuentra el verdadero amor, elaboradas pola Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales. Ao igual que Pillada por ti, a intención deste material é ensinar a detectar os primeiros sinais do maltrato na adolescencia e informar acerca do que facer ante este tipo de situacións.
Estes materiais dirixidos a un público adolescente parecen especialmente necesarios nun momento en que, segundo un recente informe de Save the Children, “a normalización da violencia de xénero e a repetición de roles sexistas mantéñense entre adolescentes”, que, por outra parte, “quedan en gran medida fóra do foco das campañas”.
Falando de organizacións non gobernamentais, non podemos deixar de lado os materiais de Amnistía Internacional España, que os lectores desta web da Rede de Escolas seguramente coñecedes. Nesta ligazón agrupamos varios recursos educativos sobre o tema da violencia sexual en España, incluído o noso informe de 2018 sobre o tema. A exposición Mulleres en loita, física e virtual, busca provocar o debate sobre os dereitos das mulleres.
Deixando de lado materiais tan específicos, recorrer ao retrato cru da realidade a través do documental ou da ficción tamén pode servir de vacina contra a violencia de xénero.
A reportaxe Voces contra el miedode Informe Semanal, o documental La maleta de Marta ou a longametraxe Te doy mis ojos, gran película de Icíar Bollaín de 2003 que non perdeu nin un chisco de actualidade, poden ser boas ferramentas para que mozos e mozas se asomen á dor que causa a violencia de xénero e, oxalá, se conxuren para non seren artífices dela.