Amnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid Icons
Cartel co texto ‘Equal rights’ en vermello e negro © Rodnae Productions

Cartel co texto ‘Equal rights’ en vermello e negro © Rodnae Productions

Blog

Universalizar os dereitos humanos

  • Presentación na Sesión de Formación de Formadores e Formadoras en Educación en Dereitos Humanos organizada polo Consello de Europa e as Nacións Unidas no Centro Europeo da Xuventude (Budapest, Hungría), 23 de agosto de 2021
Nils Muižnieks, director da Oficina Rexional para Europa de Amnistía Internacional,

A Educación en Dereitos Humanos é algo ao que sempre volvo na miña traxectoria profesional. Cando me introducín no mundo dos dereitos humanos hai 27 anos, os meus compañeiros e compañeiras e mais eu queriamos sentir e comprender os valores que tratabamos de promover, polo que organizamos actividades prácticas de dereitos humanos para nós e para o profesorado a partir do ABCdos dereitos humanos das Nacións Unidas[1] e dos materiais do Consello de Europa [2]. Agora, ao traballar para Amnistía Internacional, a Educación en Dereitos Humanos é parte integrante do noso traballo temático e sobre países e unha ferramenta importante para chegar á xuventude, aumentar a afiliación e complementar as nosas investigacións e campañas.

A versión tradicional da historia dos dereitos humanos é máis ou menos como segue: os dereitos humanos naceron das cinzas da Segunda Guerra Mundial para evitar a guerra, o xenocidio e a ditadura. Desafortunadamente, para moitas persoas esta versión carece de sentido, xa que a Segunda Guerra Mundial se considera unha historia moi afastada no pasado, algo pouco relevante para as preocupacións contemporáneas. En moitos países, especialmente en Europa, a xente xa non teme a guerra, o xenocidio ou a ditadura. Antes ben, teñen medo da incerteza económica, da mala atención sanitaria, da migración, do terrorismo e, cada vez máis, do cambio climático. Necesitamos un novo relato que responda ao devezo de dereitos sociais e económicos e ao desexo de que as cousas sexan previsibles nunha época de rápidas mudanzas. Precisamos dun relato que non estea tan vinculado á Segunda Guerra Mundial.

Moitas persoas están tratando de tecer este novo relato, mais segue a ser un problema constante. A miña interpretación actual é a seguinte: os dereitos humanos garanten que poidas ser ti, protexen as persoas débiles das fortes; son unha garantía para evitar que a globalización, os malos gobernos ou as empresas cobizosas nos quiten a rede de seguranza sobre a que camiñamos. Anímovos a todos e todas a que tentedes volver a transmitir o relato dos dereitos humanos de forma que sexa relevante no voso contexto local.

Temos que volver a contar este relato e relacionalo con problemas supranacionais e mundiais máis amplos. Noutras palabras, temos que traducir os dereitos humanos ao ámbito local, nacional, internacional e universal. No que se refire á adaptación local dos dereitos humanos, ninguén o expresou mellor que Eleanor Roosevelt:

En definitiva, onde comezan os dereitos humanos universais? En pequenos lugares, preto da casa; en lugares tan próximos e tan pequenos que non aparecen en ningún mapa. Son o mundo de cada persoa: o barrio en que vive, a escola ou a universidade en que estuda; a fábrica, a granxa ou a oficina en que traballa. Estes son os lugares en que cada home, muller, neno e nena buscan xustiza, igualdade de oportunidades, dignidade sen discriminación. Se eses dereitos non significan nada nestes lugares, tampouco significan nada en ningunha outra parte. Sen unha acción cidadá coordinada para os defender no noso contorno, a nosa vontade de progreso no resto do mundo será en van.[3]

Tratei de adaptar e traducir ao ámbito local os dereitos humanos en varios momentos da miña traxectoria profesional. Lembro que organicei un seminario sobre dereitos humanos con educadores e educadoras nunha pequena vila de Letonia. Falamos de quen eran as persoas máis vulnerables: as persoas xubiladas que viven soas, as mulleres e menores vítimas da violencia doméstica por parte de pais alcohólicos, as persoas con discapacidades; mais tamén abordamos motivos de preocupación a escala supranacional e mundial. Lembro cando fun comisario de Dereitos Humanos do Consello de Europa, de 2012 a 2018. Cada semana viaxaba a un dos 47 Estados membros. Nun momento dado, recordo que falei co meu equipo e preguntei: “¿E que ocorre cos dereitos humanos en Estrasburgo?”. Así que visitamos un centro de detención de inmigrantes, reunímonos coas ONG da localidade e despois co prefecto do goberno local. Visitamos vivendas ocupadas por xitanos nas aforas da cidade e un centro municipal. O que quero dicir é que é importante que ollemos ao noso redor, non só a lugares afastados.

Onde máis cómodo me teño sentido non é no ámbito local, nacional ou mundial, senón no das rexións internacionais. O meu traballo como membro e presidente da Comisión Europea contra o Racismo e a Intolerancia, como comisario e como director da Oficina Rexional para Europa de Amnistía, dan fe disto. A verdade é que me aburre un pouco traballar só sobre un país; interésanme as tendencias supranacionais e creo que os mecanismos supranacionais de dereitos humanos poden funcionar ben. Ademais, o ámbito das rexións internacionais é abarcable desde o punto de vista do coñecemento e a comprensión do escenario, mentres que o ámbito mundial me parece un pouco abafante.

Porén, en Europa temos unha responsabilidade especial a escala mundial: pola historia do colonialismo, pola nosa riqueza, pola nosa interconexión co resto do mundo a través do cambio climático, a migración e outros procesos. Os meus compañeiros e compañeiras de Amnistía obríganme a ollar máis alá de Europa case todos os días. Cando me incorporei a Amnistía, os meus compañeiros e compañeiras do Sur global dixéronme que unha das miñas tarefas era continuar coa descolonización da organización no que respecta ao financiamento Norte-Sur, a toma de decisións etc. Mais a externalización da migración europea aos países veciños e o nacionalismo das vacinas tamén nos obrigan a considerar os efectos dos nosos actos más alá do continente. A nosa participación no pasado en Afganistán implícanos en gran medida nos problemas actuais deste país e da súa poboación.

Non obstante, cando tentamos traballar a escala mundial, enfrontámonos a moitos riscos, entre eles o de facilitar a uniformización e reproducir vellos padróns de paternalismo. Nun libro sobre a historia de Amnistía, encontrei unha dura cita atribuída a un activista indio de dereitos humanos, que lle dixo a un alto cargo de Amnistía:

Vosoutros, Amnistía, sodes o McDonald’s dos dereitos humanos. Sodes a cara da globalización en materia de dereitos humanos. Vindes aquí, construídes os vosos restaurantes prefabricados, substituídes a cociña local e o activismo local.[4]

Sen deixar de ser sensibles aos riscos, temos que universalizar os dereitos humanos para que inclúan  todas as persoas, porque hai moitas que son ignoradas pola corrente principal. Anímovos a que vos preguntedes quen carece de lexitimidade no voso espazo. A quen é socialmente aceptable discriminar? Acaso as persoas indíxenas? As persoas con discapacidades intelectuais e psicosociais? As minorías étnicas ou relixiosas? As persoas LGBTI?

No espazo europeo trátase, en primeiro lugar, das persoas migrantes; doutra forma, a corrente dominante nunca toleraría a gran cantidade e o carácter violento das devolucións en quente en toda a fronteira exterior da Unión Europea. Tamén das persoas musulmás, especialmente as mulleres musulmás, que son a única minoría relixiosa que ten sido obxecto en numerosas ocasións dunha lexislación específica en varios países europeos. E, en moitas partes de Europa, das persoas pertencentes á etnia xitana, a minoría máis marxinada e excluída de Europa.

Temos que seguir redefinindo o relato dos dereitos humanos. Temos que movernos entre os niveis local, supranacional e global. Temos que procurar activamente a quen é invisible, as persoas ás que é socialmente aceptable condenar ao ostracismo e discriminar. E temos que contraatacar. A Educación en Dereitos Humanos é unha arma excelente do noso arsenal.

[1]Véxase, por exemplo, OACDH: ABC: La enseñanza de los Derechos Humanos – Actividades prácticas para escuelas primarias y secundarias (Nacións Unidas: Nova York e Xenebra, 2004). https://www.ohchr.org/_layouts/15/WopiFrame.aspx?sourcedoc=/Documents/Publications/ABCChapter1sp.pdf&action=default&DefaultItemOpen=1

[2]Véxase, por exemplo, Rui Gomes, ed.: Compass: Manual for Human Rights Education with Young People (Consello de Europa: Estrasburgo, 2012).

[3]unfoundation.org/blog/post/10-inspiring-eleanor-roosevelt-quotes/.

[4]Stephen Hopgood: Keepers of the Flame: Understanding Amnesty International (Cornell University Press: Ithaca e Londres, 2006), páxs. 174-175.