Sobre a participación
A educación en dereitos humanos está ligada a procesos participativos e pretende dar poder ás persoas para que leven a cabo accións colectivas. Para que a participación poida converterse nunha experiencia positiva e facilite a aprendizaxe, debe ser:
- Activa: nas discusións e na toma de decisións, as intervencións fanse coa experiencia e o coñecemento propios, así como desde a realidade social, económica, cultural e política (non se basean en ideas abstractas).
- Crítica e construtiva: a temática analízase de maneira construtiva, tendo en conta diferentes puntos de vista, fomentando a liberdade de expresión, participación activa e análise crítica das situacións.
- Organizada: existe unha serie de pautas/regras que se explicitan ao comezo do taller ou reunión.
- Equitativa: todas as persoas teñen as mesmas posibilidades de participar, e as súas achegas teñen o mesmo valor.
- Creativa: constrúe conceptos innovadores, afondando na análise e estimulando a creación colectiva de novas ideas e reinterpretacións dos coñecementos que xa se teñen.
Sobre xénero
En todos os espazos cotiáns hai comportamentos, pensamentos e actitudes que manteñen a desigualdade e reproducen dinámicas de poder entre os/as participantes e as persoas que actúan como facilitadoras, así como entre os propios participantes (ver Guía para o uso de metodoloxías participativas).
Estas dinámicas son reflexo das relacións de poder que predominan na sociedade, e a que se produce entre sexos é unha delas.
Presta atención a algúns aspectos, para evitar que se dean situacións de desigualdade:
- Asegúrate de que todas as persoas teñen a oportunidade de ser escoitadas e tratadas de maneira equitativa. Como facilitador/a, tes que estar atento/a para pór freo a quen domina, pero sempre cunha postura positiva, na que unha indicación ou comentario poida servir como aprendizaxe colectiva.
- Coidado coa asunción de responsabilidades e o seu reparto cando desenvolvamos unha actividade; esta debe ser equitativa.
- Utiliza unha linguaxe non-sexista, tratando de evitar fórmulas que invisibilicen as mulleres, como o emprego do masculino xenérico. Intenta utilizar desdobramentos ou xenéricos neutros.
- Na actividade que se estea a desenvolver, dá visibilidade a como afecta de maneira específica ás mulleres e nenas a vulneración ou vulneracións de dereitos humanos que esteades a tratar, sen dar unha visión vitimizadora sobre elas.