COMO COMEZO?

  • Contacta co equipo máis próximo á túa localidade. Se tes pensado desenvolver algunha actividade de dereitos humanos na aula ou crear un grupo escolar, o primeiro é póreste en contacto con Amnistía Internacional. Podes buscar o grupo máis próximo nesta ligazón: https://grupos.es.amnesty.org/ga/.
  • Dálle énfase aos valores educativos da túa acción. Presenta as túas ideas e propostas dun xeito construtivo: non se trata de crear unha división no centro, senón de promover un debate ou unha acción educativa sobre un tema social importante.
  • Encontra persoas aliadas. Poden ser profesores/as, nais e pais, así como estudantes que te apoien se te encontras con algunha dificultade. Se precisas apoio, podes pórte en contacto con: equipo.educacion@es.amnesty.org.
  • Utiliza a diplomacia. Abriránseche máis portas e encontrarás máis posibilidades. Lembra que ás veces é máis importante como chega a túa mensaxe que a propia mensaxe en si. Comunícate de maneira respectuosa e apropiada coas persoas responsables do centro para contarlles a túa iniciativa.

Como conseguir profesores/as que traballen en colaboración?

1. Fala con outros profesores/as

  • Nas túas horas libres ou en descansos entre clase e clase, mantén conversas informais coas persoas máis próximas do teu departamento ou centro.
  • Utiliza a hora de xantar, os recreos ou os anacos previos aos claustros e reunións do profesorado para contarlle ao resto de compañeiros/as o teu interese na Rede de Escolas e a posibilidade de ir incorporando actividades de educación en dereitos humanos.
  • Cando coñezas persoas que están realmente interesadas, consigue involucralas para que á súa vez falen con máis xente. Deste xeito poderás acceder a novas persoas que non coñecías.
  • Como material de apoio podes consultar na web:
  1. O labor que se fai nalgúns países en favor dos dereitos humanos.
  2. Os temas que se traballan.
  3. As campañas.
  4. E algo moi importante: os casos que tiveron éxito!

2. Establece una rede

  • Pregunta ao resto do profesorado se están interesados/as en realizar actividades de dereitos humanos na súa materia ou promover que se impartan no centro.
  • As redes de contacto son unha ferramenta moi efectiva, porque a xente adoita responder mellor ás interaccións directas, persoais.
  • Tamén podes consultar a canle de vídeos de Amnistía Internacional España, escoller algún que che guste e enviárllelo aos teus compañeiros/as para os convencer da importancia de traballar na defensa dos dereitos humanos.
  • Podes planificar actos de mobilización con outros centros da localidade: aproveita encontros deportivos, culturais e artísticos e dá a coñecer o traballo de Amnistía Internacional para que se involucre máis xente.
  • Fala con pequenos grupos de estudantes, mostrando interese polas súas opinións e escoitando atentamente as ideas de todo o mundo.

3. Fai seguimento

  • Elabora unha listaxe cos datos dos profesores/as con que falases e anota os seus intereses, motivacións, habilidades ou preocupacións relacionados con temas que cres que se poderían tratar nas diferentes materias e que están na liña dos temas en que Amnistía Internacional está a traballar.
  • Se alguén do equipo directivo ou do profesorado precisa de información adicional, procura facilitarlla nun período non superior a 48 horas. Se ves que non é posible, contacta igualmente para te asegurares de que saben que non esqueciches o seu interese ou a súa petición.
  • Fai seguimento con chamadas ou a través de wasaps. No satures a xente por correo electrónico (é unha boa ferramenta para te comunicares con aquelas persoas que xa están activas, mais non substitúe o trato persoal).
  • Lembra que a maioría das persoas toman parte en accións a través do contacto directo.

Como conseguir a IMPLICACIÓN DO CENTRO?

Fala coa dirección do centro

  • Acorda unha reunión co equipo directivo para mostrarlles a Rede Educativa o traballo que se desenvolve nesta. Consulta previamente a web e utiliza parte deste kit para te preparares.
  • Resalta a importancia da educación en dereitos humanos durante a reunión e o teu interese e a túa motivación por traballar co alumnado neste sentido. Aínda que calquera materia pode ser válida para aplicar os talleres propostos por Amnistía Internacional, resulta especialmente interesante aplicalos nas optativas a Relixión e nas titorías.
  • Se podes demostrar que estás ben informado/a sobre un tema en que queres traballar, as túas posibilidades de éxito aumentarán. Non pasa nada por ter desacordos coa dirección ou a administración dun centro (asegúrate de que sempre sexa cunha actitude de respecto). Dedícalle algo de tempo a escribir a información que vas presentar, incluíndo as ideas que tes sobre como traballar un tema que xerará beneficios á comunidade educativa. Os dereitos humanos afectan a todo o mundo!