Por que é útil contar as actividades de educación en dereitos humanos
- Porque dándolles visibilidade podemos conseguir que sexamos máis persoas implicadas. Quizá sexas fonte de inspiración para estudantes ou profesores/as, que ao recibiren información sobre unha actividade que puxeches en marcha decidan sumarse á próxima ou organizar algo pola súa conta.
- Porque falar sobre cuestións como violencia de xénero, diversidade, pena de morte ou persoas refuxiadas na aula ten un valor incalculable, xa que consegues que durante un anaco un grupo de persoas centren os seus esforzos en pensar e actuar sobre dereitos humanos. Talvez esteas cambiando a vida destas persoas, NON O ESQUEZAS!
- Porque non só estás a dar información, senón que estás intentando que as persoas que participen actúen para combater as violacións de dereitos humanos
Estás a contribuír a que cada vez haxa máis persoas comprometidas!>
Ben, xa teño claro que isto é importante. En que espazos se pode dar visibilidade ás actividades?
Calquera espazo é bo para contar o que facedes en defensa dos dereitos humanos; non hai ningunha listaxe de lugares apropiados. Sé imaxinativo/a e busca a forma de dar visibilidade ao que facedes. Porén, aquí che damos algunhas ideas:
- No propio centro! En ocasións, organízanse actividades e non se divulgan adecuadamente no centro escolar. Se son actividades públicas, elaborade carteis que conteñan información sobre estas tres cousas:
1. En que consiste a actividade
2. Horario
3. Lugar onde se leva a cabo
Unha vez terminada a actividade, pode ser boa idea mostrar algunhas fotos con información complementaria en lugares visibles do centro.
Se o preferides, podedes usar os carteis modelo que están na sección de recursos adicionais da web. - Redes sociais e blogs. Seguro que tes perfil nunha ou varias redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram, Snapchat etc.). Por que non as usas para dar a coñecer as túas accións? Tira fotos ou publica vídeos instantáneos do que estás a facer, xa que pode servir para que outras persoas se animen a facer o mesmo noutros centros ou mesmo noutras cidades.
- Historias de éxito. Cóntanos o que fas! Se nos facilitas suficiente información e tes unha boa historia, podemos falar dela no blog de Amnistía Internacional España ou nos nosos perfís de redes sociais. Para isto, debes cubrir o seguinte formulario en liña con toda a información de que dispoñas.
Que hai que contar? Como se fai?
Sempre que contes unha actividade que puxeses en marcha, non esquezas incluír estes elementos:
- Un bo título. Trata de explicar a túa actividade nun máximo de 10-12 palabras. Se só tiveses uns segundos para contarlle a alguén o que fixeches, que frase escollerías? Que tentabas cambiar? Que impacto buscabas?
- Cando e onde decorreu a actividade? Que persoas estiveron implicadas? Que temas de dereitos humanos se trataron nela?
- Que tentabades cambiar? Que impacto buscabades? A educación en dereitos humanos busca o cambio en comportamentos e actitudes. Explica cales querías cambiar cando puxeches en marcha a actividade.
- Tes algún testemuño curto dos/as participantes? Se é posible, inclúe citas das persoas que participaron na actividade.
- Tes fotos ou audiovisuais? Se é así, inclúeos... E lembra que debes contar coa autorización da nai, o pai ou o titor legal para difundir imaxes de menores de idade.
- Cales foron as leccións aprendidas? Conta que supuxo para ti e o resto de participantes realizar esta actividade, e que implicacións ten de cara ao futuro.