1. Non temos suficiente tempo para reunións produtivas!
• Organizade pequenas reunións antes de que comecen as aulas ou cando saiades. Algúns recreos poden ser unha boa solución.
• Convocade reunións con máis frecuencia.
• Elaborade unha axenda realista, que se axuste ás posibilidades do grupo.
• Traballade na casa: tarefas previas, orde de temas que tratar nas reunións...
• Reunídevos en pequenos grupos para discutir puntos e temas, e logo poñédeos en común de forma plenaria.
• Limitade os temas que tratar en función do tempo.
2. Non conseguimos poñernos de acordo sobre a mellor hora para nos reunir!
• Se non vos poñedes de acordo, decidide por maioría.
• Pensade na minoría. Buscade tarefas que poidan asumir fóra das reunións. Poden encargarse de actividades específicas? Teñen intereses ou habilidades que poidan facerse fóra das reunións?
• É importante que as persoas se sintan incluídas e escoitadas; non queredes que deixen de formar parte.
3. A xente chega tarde ás reunións!
• Comezade os que esteades presentes.
• Cando se incorpora xente tarde, procurade non volver atrás para poñelos ao día.
• Preguntádelles se poden quedar despois da reunión para comentar o que se falou mentres non estaban.
4. Sentimos que hai falta de entusiasmo e compromiso no grupo.
• É importante identificar as razóns: deseño pobre das reunións, falta de progreso no grupo, sobrecarga...
• Facede unha sesión cara a cara por parellas para encontrar a causa.
• Quizá o grupo necesite unha actividade interesante: un debate, a visita de alguén doutro grupo para coñecer os seus intereses, ver e comentar un vídeo etcétera.
5. Hai resistencias para asumir un traballo!
• Identificade a causa do problema. Por exemplo, a persoa pode estar comprometida con outra causa, mais non quere abandonar o grupo, ou está sobrecargada... Como traballar en equipo sen que ninguén se sinta só?
• Intentade axustarvos e adaptarvos a calquera circunstancia. Creade oportunidades para que todos poidan contribuír e que se sintan involucrados/as.
• Problemas deste tipo poden ser unha oportunidade para conseguirdes opinións das persoas do grupo. Estade preparados/as para escoitar o que cadaquén teña que dicir.
6. As tarefas non se fixeron ou imos mal de prazo!
• Faládeo para comprender o porqué e axustar as causas do problema.
• Podedes buscar un compañeiro/a para compartir e asumir o traballo.
• Se é unha actividade cunha data de entrega inminente, pode axudar elaborar pequenos informes regulares previos.
7. Os detalles da reunión non están ben anunciados! A xente non sabe cando nos reunimos!
• Tratade de utilizar o máximo de ferramentas que estean ao voso alcance: taboleiros no centro escolar, anuncios por megafonía, avisos por correo electrónico, grupo de Facebook...
• Avisade con tempo das reunións e enviade recordatorios delas.
8. As reunións non van a ningures.
• Asegurádevos de que tendes un cronograma, unha planificación que conteña o que queredes facer. Na sección de recursos adicionais tendes modelos de planificación que podedes utilizar.
• Seguide a planificación. Se a avaliades para ver o seu cumprimento, poderedes ir axustándoa en función dos tempos das persoas e do grupo.
• Se aparecen novas ideas que non estaba previsto tratar, anotádeas para volver sobre elas nas seguintes reunións.
9. Alguén deixou de participar!
• Cando tentamos adiviñar por que, non resolvemos nada e iso xera en nós preocupación. A comunicación, de novo, é a clave. Preguntarlle á persoa que deixa o grupo os seus motivos é a mellor maneira de entendela e ver se pode seguir participando nun futuro.
• Pensade como grupo en cuestións preventivas. Por exemplo, as aspiracións ou expectativas do grupo están a cumprirse para as persoas que forman parte del? Organizade un espazo para debaterdes sobre estas cuestións de cando en vez.
10. Non conseguimos espazo para reunirnos!
• Falade co profesor/a que vos estea a botar unha man para que valore máis opcións.
• Consultade co equipo directivo a posibilidade de que poidades utilizar algunha aula.
• Sempre podedes reunirvos no patio ou na cafetaría!>