Leva á aula persoas que traballen polos dereitos humanos. Isto pode dar unha perspectiva diferente e presenta unha novidade entre o alumnado. Para iso, é interesante que teñas contacto regular co grupo de Amnistía Internacional máis próximo; en ocasións, organizamos visitas de defensores/as de dereitos humanos.
Pon en marcha algunha actividade: recollida de sinaturas, envío de mensaxes de solidariedade..., ou realiza unha acción sobre algunha persoa pola que Amnistía Internacional estea a traballar. Revisa a web da Rede de Escolas para encontrares accións ou escríbenos a: redescuelas@es.amnesty.org.
Escolle unha data clave (10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos; 8 de marzo, Día Internacional da Muller; 30 de xaneiro, Día Escolar da Paz e a Non-violencia etc.) e propón algunha actividade relacionada.
Coloca unha copia da Declaración Universal na aula e realiza algunha actividade de reflexión e de compromiso sobre ela a partir da nosa unidade didáctica sobre a Declaración.
Para teres en conta...
En calquera caso, proponte que a aula sexa un espazo onde os dereitos humanos prevalezan: respecto entre o alumnado, escoita mutua, reflexión crítica etc. Seguro que sabes perfectamente como potenciar todo isto e relacionalo coa Declaración.
Primeiro, decide o que pode interesar ao alumnado e a data que é máis adecuada. Podes facer unha pequena lista e que a voten. Fai que os dereitos humanos sexan parte da súa vida!
Mira se algunha das propostas que facemos encaixa neste esquema. Comeza polo más sinxelo para ti, que non che complique a vida. Tenta que o alumnado se interese, mesmo que o preparen polo menos parcialmente.
É mellor comezar por actividades máis lúdicas e observar a resposta. É fundamental que non crean que os dereitos humanos son algo aburrido. É preferible rebaixar as nosas expectativas ou a complexidade dos temas para que “entren ben”; incluso poden divertirse. Xa haberá tempo de afondar, de ver temas menos atractivos e de que asuman protagonismo preparándoos eles mesmos.
Teño maior dispoñibilidade. Que podo facer?
Pon en marcha un grupo escolar! Para iso, revisa o capítulo anterior e as indicacións dispoñibles na web da Rede de Escolas.
Tenta coordinarte con profesores/as para propores unha actividade de forma conxunta. O ideal é que todo o centro se involucre nalgunha proposta que inclúa sensibilización e unha chamada á acción.