O curso académico 2025-2026 termina e agradecémosvos todo o voso traballo co alumnado nas accións de Amnistía Internacional e a vosa implicación na defensa dos dereitos humanos.
No próximo curso 2026-27 proporémosvos actividades sobre os seguintes temas, para que os teñades en conta na planificación docente. Podes descargar o calendario en PDF en “Para máis información” (no lado dereito).
Ademais, haberá accións e recursos educativos sobre outros temas de dereitos humanos que iremos publicando e acerca dos que informaremos a través do boletín que enviamos periodicamente. Para calquera dúbida, podedes escribir a redescuelas@es.amnesty.org.
Desexámosvos un bo verán!
Setembro 2026
A vivenda ten sido un dereito historicamente desprotexido en España. Ofrecerémosvos uns materiais educativos para concienciar sobre o impacto que supón que a vivenda se considere un ben de consumo e investimento, en lugar dun dereito humano.
Seguiremos concienciando sobre a grave crise de dereitos humanos que se está a vivir no Territorio Palestino Ocupado. Este ano publicaremos novos materiais sobre a grave crise de dereitos humanos que se vive en Gaza e Cisxordania.
No ano 2025, Amnistía Internacional rexistrou polo menos 2707 execucións en 17 países en todo o mundo. É a cifra máis elevada rexistrada por Amnistía Internacional desde 1981. Publicaremos novos materiais para concienciar contra esta práctica inhumana.
“Dereitos á acción” é o lema que a Plataforma de Organizacións de Infancia escolleu para o Día Mundial da Infancia 2026. O obxectivo é que a voz da infancia sexa escoitada e que as súas opinións e propostas se teñan en conta. Desde Amnistía sumarémonos a que as súas voces sexan escoitadas.
Tendes á vosa disposición unha exposición nova co título “Só si é si” (contacta co teu Grupo Local de AI máis próximo) e os talleres que elaboramos sobre violencia sexual e consentimento.
Volveremos a propor accións de mobilización para que desde as escolas vos sumedes á iniciativa internacional “Cidades pola Vida”. A través de “Escolas pola vida”, poderedes actuar desde os centros educativos contra a pena de morte.
Decembro 2026
10D: Día Internacional dos Dereitos Humanos
Xaneiro 2027
31X: Día Escolar da Paz e da Non-Violencia
Participaremos un ano máis no maratón de envío de cartas“Escribe polos dereitos”, na que nos uniremos á mobilización mundial de millares de persoas ao mesmo tempo para que se respecten os dereitos humanos de persoas vítimas.
Integraremos nesta acción a nosa tradicional proposta de “Regala as túas palabras” na que estudantes e profesorado poderán facer chegar, mediante postais, palabras de alento e solidariedade a persoas presas de conciencia en todo o mundo.
Marzo 2027
8M: Día Internacional da Muller
21M: Día Internacional de Eliminación da Discriminación Racial
Arredor do 8 de marzo realizaremos propostas para traballar os dereitos humanos da muller e participar na mobilización que Amnistía Internacional e outros colectivos farán en toda España.
Marzo tamén é o mes para loitar contra a discriminación racial. Como todos os anos, farémosvos chegar propostas educativas e de acción baseadas na campaña que elaboremos xunto con colectivos e organizacións antirracistas. Entre outras cuestións, abordaremos os discursos de odio.
Abril 2027
O dereito á saúde de nenos, nenas e adolescentes está a ser seriamente ameazado, en gran parte polas tecnoloxías dixitais. Temos varios materiais sobre redes sociais e saúde mental, e publicaremos novos materiais centrados no acoso (incluído o ciberacoso).
Os dereitos humanos están estreitamente relacionados co cambio climático. Como nesas datas estará próximo o final de curso, proporemos, a partir de maio, actividades de sensibilización para realizar en todo o centro educativo ou en pequenos grupos.
Coñecer o pasado é necesario para sandar as feridas, ofrecerlles xustiza ás vítimas e reconstruír unha sociedade democrática sobre unhas bases sólidas. Propómosvos realizar estes talleres sobre o franquismo e os dereitos humanos na aula antes de que finalice o curso. Tamén tendes estes materiais relacionados co documental “El silencio de otros”.
Todo o curso académico 2026-2027
Para dar a coñecer a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, tendes á vosa disposición a exposición sobre dereitos humanos en viñetas, en colaboración con Frente Viñetista.
E ademais renovamos a colaboración con Frente Viñetista. Non perdades a oportunidade de organizar talleres prácticos coa participación de humoristas gráficos de renome para traballar de forma práctica e desde o humor gráfico temáticas de dereitos humanos.
Igualmente, seguiremos moi atentas á actualidade internacional, reaccionando e propondo accións segundo corresponda. Por exemplo, ao longo do curso proporémosvos talleres sobre prácticas autoritarias.

![[Translate to Galego:] agenda ©Pixabay StockSnap [Translate to Galego:] agenda ©Pixabay StockSnap](/fileadmin/user_upload/agenda__c_Pixabay_StockSnap.jpg)