“Traballar a memoria histórica paréceme moi importante. Creo que é un tema do que todos temos escoitado falar un pouco ou temos lido cousas en redes, mais realmente estabamos moi desinformados”. Paola Zahíno, alumna de segundo de Bacharelato
O Colexio Aljarafe é un colexio da localidade sevillana de Mairena del Aljarafe, cuxo lema, “Educación para a vida”, reflicte os seus obxectivos pedagóxicos. Este centro destaca polo seu innovador proxecto educativo, promove a actitude crítica dos seus alumnos, defende a liberdade e está orientado a impulsar a cooperación e o respecto aos demais, sempre cos dereitos humanos como eixo. O seu obxectivo é formar rapaces e rapazas conscientes e responsables, non só no ámbito académico senón tamén no social e o cultural.
Cada ano trátase un tema de forma xeral en todas as materias, desde Infantil ata Bacharelato. Durante o curso escolar 2018/19, de forma consensuada, decidiuse no claustro tratar a memoria histórica, unha temática moi actual que se enfronta ao noso pasado para intervir no noso presente e no noso futuro. Son poucos os centros educativos que tratan este tema de forma tan fonda e exhaustiva como o fixo o Colexio Aljarafe, principalmente porque pode resultar polémico, mais tamén porque hai que ser moi creativos para involucrar os alumnos e chamar a súa atención, xa que adoita ser algo que moitos descoñecen. Sen dúbida, é algo que este colexio conseguiu. Durante ese curso, levaron a cabo numerosos proxectos e conseguiron abordar este tema con obxectividade e orixinalidade.
Cos máis pequenos (3, 4 e 5 anos), por exemplo, introduciron o concepto de “sufraxio feminino”. Levaron a cabo varias dinámicas reais na asemblea onde toman as súas decisións e coñeceron a figura de Clara Campoamor. En Primaria, cobrou un protagonismo especial a obra Guernica, de Pablo Picasso, que cobre as paredes dun dos patios do colexio. A avoa dunha alumna explicou a historia da obra, as súas figuras e o seu significado de forma moi entretida. Para traballar as matemáticas, utilizáronse as cartillas de racionamento. En sexto de Primaria, leron sobre o papel da muller na República, e en Plástica pintaron as figuras máis importantes da época creando un calendario que despois utilizaron para financiar a súa viaxe de fin de curso.
Tamén se organizou unha excursión cos alumnos de terceiro da ESO ás fosas do cemiterio de San Fernando de Sevilla, e foron acompañados pola asociación memorialista “Todos los Nombres”. En Bacharelato, montaron un recital con textos de periodistas estranxeiros que viviron en España durante a Guerra Civil e a ditadura, e renderon homenaxe a Antonio Machado. En varios cursos houbo charlas con avós que contaban a súa experiencia, e mesmo algúns tiveron a oportunidade de ver como catro xeracións (bisavoa, avoa, nai e fillos) se reunían nun mesmo espazo. Ademais, coa colaboración das familias, montouse unha exposición con obxectos da época, onde se podía encontrar desde lencería de señora ata cámaras fotográficas antigas. Todos os cursos representaron unha obra na materia de teatro, como, por exemplo, Las bicicletas son para el verano ou Farsa memoria (cuxo autor, Lolo Olivares, é ex-alumno e actual profesor de Filosofía do colexio) en primeiro e segundo de Bacharelato.
“O traballo do colexio non foi tentar cambiar a nosa ideoloxía ou o noso pensamento, senón que tentou abrir as nosas mentes coa implicación absoluta dos profesores, para que aprendésemos a verdade e os feitos traumáticos ocorridos durante o franquismo”, asegura Marta Ambrosio, alumna do colexio.
Rosario Santos, profesora de historia do Colexio Aljarafe e principal coordinadora do proxecto, confesa que ata que non acabou o curso non foron conscientes da gran cantidade de cousas que fixeran, e asegura que nunca houbo ningún tipo de problema. Familiares, alumnado e profesores entusiasmáronse e participaron no proxecto creando unha sensibilidade especial por este tema, sobre o que hoxe en día seguen a traballar. “É a nosa obriga encher as aulas de XUSTIZA, a do coñecemento histórico; MEMORIA, para non esquecer a nosa historia e os seus protagonistas, e REPARACIÓN, para compensar os moitos anos de esquecemento”.
Todos os proxectos e iniciativas que levaron a cabo están dispoñibles na páxina web do colexio, moi ben explicados a través de fotos, vídeos e testemuños de profesores e alumnos.