Momento da intervención de AI La Rioja durante o congreso. © AI La Rioja

Momento da intervención de AI La Rioja durante o congreso. © AI La Rioja

Blog

Dereitos humanos e convivencia escolar, unha unión necesaria

Concha Arribas, activista de AI La Rioja,
Amnistía internacional, a través dos seus activistas da Rioxa, participou recentemente como convidada no VII Congreso Estatal de Convivencia, desenvolvido en Logroño os días 21 a 23 de abril de 2022 e organizado pola Consellería de Educación e Cultura do Goberno da Rioxa.

O relatorio “Dereitos humanos e convivencia” estaba enmarcado nas experiencias educativas realizadas nos diversos centros da comunidade autónoma. Unha delas é a que, desde hai varios anos, leva adiante a Rede de Escolas polos Dereitos Humanos de Amnistía Internacional, traballando cos alumnos temas non-curriculares, en calquera nivel educativo.

A nosa participación foi dirixida á necesaria incorporación dos dereitos humanos de maneira transversal no Decreto de convivencia e nos desenvolvementos curriculares que, con respecto á nova lei educativa, a LOMLOE, deben levarse a cabo nas comunidades autónomas.

Entendemos que se deberán dar pasos cara á inclusión dos dereitos humanos no ámbito educativo. Os novos currículos incorporarán novos valores xa explicitados, como educación en valores cívicos e éticos e de memoria democrática ou contidos relacionados coa LGTBI-fobia, a sextorsión, o ciberacoso ou actitudes xenófobas e racistas. Por iso, solicitamos incorporar explicitamente a reflexión sobre dereitos humanos en todos os niveis educativos formais.

Os dereitos humanos proporcionan un horizonte de esperanza, reflexión e acción no desexo de que os máis novos se convertan nos axentes do cambio social que un país democrático e moderno precisa. A ONU, a través do seu Programa mundial de educación, leva moito pedindo contidos de dereitos humanos en todas as etapas educativas.

A educación dos dereitos humanos é máis que unha lección que se aprende nas escolas ou un asunto que se trata durante un día. É un proceso que facilita os medios e as ferramentas para vivir a vida en condicións de seguranza e dignidade. Ademais, os dereitos humanos xóganse en distancias curtas, en lugares minúsculos, moi preto da casa, no cole, no instituto.

Unha escola moderna é a que se compromete a evitar as diferenzas individuais, grupais ou sociais. A que crea conciencia, a que colabora no desenvolvemento do sentido crítico, a que educa para sentir empatía ante a inxustiza, a que contribúe a convivir con outros. A Educación en dereitos humanos colabora a favorecer a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza, que constitúen a base da vida común.