A política de caos e crueldade da Administración Trump non se detén. Como parte dos amplos ataques contra as comunidades migrantes, o ICE retomou a cruel práctica da detención familiar.
Que significa a detención familiar?
Ao abeiro desta política, o ICE está a encerrar nenos, nenas e adolescentes (incluso bebés) xunto ás súas familias en centros de detención á espera de saberen se serán expulsados dos EEUU ou se se lles permitirá permanecer no país.
Tras a reapertura dun centro de detención familiar en Texas (coñecido como “Dilley”), a Administración Trump está a planear abrir tres novos centros, ampliar outros xa existentes e mesmo adaptar almacéns para poder deter millares de persoas máis.
Os informes sobre as condicións en Dilley mostran o horror que espera as familias no seu interior. A continuación e expansión da detención familiar porá en perigo a seguranza e o benestar de innumerables familias, nenos, nenas e adolescentes en todo o país.
¿Por qué es tan grave?
A detención é prexudicial para todo o mundo, mais é especialmente daniña para a infancia. Prexudica a saúde infantil, compromete o seu desenvolvemento e supón unha experiencia lesiva que provoca danos duradeiros que van máis aló da liberación: atrasos no desenvolvemento, ansiedade, depresión, trastorno de tensión postraumática e ideas suicidas. Tamén alteracións do sono, perda de apetito, autolesións ou retraemento.
As familias detidas non teñen acceso a auga potable limpa nin a alimentación nutritiva. Algúns nenos, nenas e adolescentes sofren unha perigosa perda de peso como consecuencia. Tampouco dispoñen de atención médica adecuada, o que provoca graves riscos para a saúde ao pasaren desapercibidas, ou ignorárense directamente, enfermidades crónicas, doenzas ou lesións de menores. Ademais, a educación queda interrompida. Mesmo cando existen oportunidades educativas reducidas, a tensión e as privacións físicas da detención dificultan enormemente a aprendizaxe de nenos, nenas e adolescentes.
Non podemos permitilo: actúa!
Todo o mundo merece vivir en liberdade e sen medo xunto á súa familia nun lugar ao que poida chamar fogar, e non en instalacións inseguras, tales como almacéns reformados. Os nenos merecen protección por parte de adultos e comunidades que os coiden, acceso aos recursos que necesitan para prosperar e a oportunidade de aprender, xogar, crecer e experimentar a alegría da infancia.
Por iso, isto é o que vos propomos:
Reunídevos cos/coas estudantes na clase e en espazos non-formais para recortar e colorear bonecos de papel, utilizando o modelo que anexamos nesta páxina.
Escribide mensaxes de esperanza nos bonecos; expresade de forma creativa os vosos desexos para os nenos e as familias afectadas pola detención migratoria. Tamén podedes escribir mensaxes de protesta.
Pasade tempo xuntos aprendendo e falando sobre a detención familiar.
Publicade en redes sociais os vosos traballos, usando o cancelo #FreeFamilies e mencionando a Amnistía Internacional (@amnistiaespana).
Poida que queirades organizar tamén un espazo para vos reunir con membros da vosa familia, comunidade relixiosa ou veciñanza co obxecto de falar sobre a detención familiar e decorar xuntos e xuntas bonecos de papel.
Podedes complementar a actividade coas nosas guías educativas sobre prácticas autoritarias.
Enviádenos os vosos traballos á nosa oficina: calle Fernando VI, 8, Centro, 28004 Madrid. Desde aquí enviarémosllelos aos congresistas dos EEUU para que saiban que estamos a alzar a voz contra estas prácticas.
A detención familiar é inhumana e innecesaria. Ningunha familia debería ser detida xamais. Non podemos permitir que isto siga sucedendo!

