Amnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid Icons
Celebración do Orgullo Bisexual, 2018

© 2018 Jon Viscott - www.viscottimages.com

Blog

Hoxe celebramos o Día Internacional da Bisexualidade

Por Carlos Sanguino (@sanguinofer), responsable de educación, diversidade e infancia en Amnistía Internacional,

Hoxe, 23 de setembro, celébrase o Día Internacional da Bisexualidade.
Que ten que ver esta celebración con Freddie Mercury e un aniversario?

Explicámoscho.

Que é a bisexualidade?

Bisexual é unha persoa que está emocional, afectiva ou sexualmente atraída tanto por persoas que percibe como do seu mesmo xénero como por aquelas que percibe como do xénero oposto. Así mesmo, tamén se considera bisexualidade a atracción por individuos, independentemente do seu xénero. Esta atracción non ten por que estar dividida proporcionalmente entre os distintos xéneros (é dicir, non tes que ter o mesmo nivel de atracción cara a cada un).

Por que se celebra este día?

A principios dos noventa comezaron a establecerse organizacións de activistas bisexuais, especialmente nos EE. UU. Porén, non se estableceu un día internacional ata 1999, na conferencia anual da Asociación Internacional de Lesbianas, Gais, Bisexuais, Transexuais e Intersexuais (ILGA), á iniciativa de tres activistas bisexuais estadounidenses: Wendy Curry, Michael Page e Gigi Raven Wilbur.

Tal e como Wilbur ten comentado nalgunha entrevista, “desde a rebelión de Stonewall, a comunidade de gais e lesbianas ten crecido en forza e visibilidade. A comunidade bisexual tamén ten crecido en forza, mais en moitos aspectos seguimos sendo invisibles. Eu tamén fun condicionada pola sociedade a etiquetar automaticamente unha parella que camiña da man como heterosexual ou gai, dependendo do xénero que percibo en cada persoa”.

Escolleuse o 23 de setembro por unha dobre razón: en setembro naceu Freddie Mercury, a quen Wendy, Michael e Gigi amaban, e que lles parecía que visibilizaba con gran forza a bisexualidade. E unha dos tres –Gigi– fai anos o 23 de setembro. De aí xurdiu a data.

Instantánea da manifestación celebrada en Leicester en 2010

O 23 de setembro celébrase o Día Internacional da Bisexualidade. Na imaxe, instantánea da manifestación celebrada en Leicester en 2010. © Particular

Que é a bifobia?

A bifobia é un medo, un odio ou unha aversión irracional cara ás persoas bisexuais. Os estereotipos sobre as persoas bisexuais inclúen enfoques discriminatorios con respecto a estas persoas, segundo os cales a súa orientación sexual é temporal, se deixan dominar pola luxuria, favorecen a transmisión de enfermidades pola súa promiscuidade etcétera.

É unha das causas fundamentais da violencia, a discriminación, a pobreza e a peor saúde física e mental que sofren as persoas bisexuais en todo o mundo. A bifobia afecta a capacidade das persoas para denunciaren os abusos que sofren diariamente en moitos países do mundo.

Que se reivindica?

O día internacional foi concibido como unha resposta aos prexuízos e a marxinación das persoas bisexuais por parte dalgunhas persoas heterosexuais, así como unha maneira de visibilizar a problemática bisexual dentro do propio colectivo LGBTI.

As persoas bisexuais son obxecto de diversos abusos contra os dereitos humanos por motivo da súa orientación sexual. Entre eles figuran a violencia, a tortura e os malos tratos en centros de detención, e a discriminación contra o seu dereito á saúde.

En 70 países son delito as relacións homosexuais (o cal pode supor castigos físicos, cárcere e mesmo pena de morte en doce deles). As persoas bi sofren con dureza outras leis discriminatorias, a discriminación e a estigmatización en ámbitos como a saúde, a educación, o emprego e o acceso aos servizos sociais, e restricións á liberdade de expresión e de reunión e asociación pacíficas.