Amnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid Icons
Libro aberto sobre unha mesa. © John-Mark Smith/Pexels

Libro aberto sobre unha mesa. © John-Mark Smith/Pexels

Blog

Onde están as filósofas?

  • Platón, Aristóteles, Sócrates, Kant, Schopenhauer… son os filósofos que estudamos na materia de Filosofía, e obxecto de exame nas probas de acceso á universidade (EBAU). Porén, onde están as filósofas? Por que non aparecen no currículo escolar? Tal e como sucede noutras facetas, o papel e o traballo das mulleres filósofas teñen sido invisibilizados durante anos.
Vega Alonso, colaboradora de AI España,

Ao igual que os homes, as mulleres levan pensando desde a orixe da humanidade, e a súa visión sobre o mundo forma parte da historia da filosofía, algo que debería verse reflectido tamén nos libros de texto.“A filosofía traizoouse a si mesma ao excluír a ollada feminina ante a realidade. Que clase de filosofía é aquela que prefire a miopía, e non escoita outras voces? Desde o desinterese polo que pensa a metade da humanidade, é imposible comprender a vida”, cóntanos María de Toro, profesora que recompilou sinaturas en Change.org para pedirlle ao Ministerio de Educación a inclusión de mulleres no temario de Historia da Filosofía en Bacharelato. “Investigar as súas figuras é rastrexar o camiño que fixemos entre todas, darlles referentes á rapazas, e autoconfianza, mais tamén corrixir unha visión deformada da filosofía”, engade.

No currículo actual de segundo de Bacharelato só se menciona a María Zambrano, mais como “adorno” de Ortega y Gasset. Este novo curso escolar 2022/2023 entra en vigor a reforma educativa nos cursos impares. É dicir, veranse cambios en primeiro de Bacharelato. Por primeira vez, farase referencia a cuestións como os nesgos de xénero no relato da historia do pensamento, ou a loita pola igualdade de xénero.

Polo menos, agora saberemos que as mulleres filósofas existen e teñen teorías ou propostas, e preséntanse para analizarlas. Antes eran un ou dous os manuais en que aparecía algunha alusión nun recanto, só como anécdota, e a información que se daba era fundamentalmente sobre a súa vida ", explica Del Toro.

Iso si, para ver os cambios da reforma educativa en segundo de Bacharelato haberá que agardar un curso más. No 2023/2024 comezarán a ser estudadas Aspasia, Hipatia, Hildegarda de Bingen, Olympe de Gouges, Mary Wollstonecraft, Hannah Arendt e Simone de Beauvoir. De Toro afirma que a aparición de autoras nas probas de acceso á universidade “ten moita importancia, porque o profesorado enfoca a materia co fin de superar esta proba, polo que deterse nas filósofas sería ‘perder o tempo’ se non se incluísen despois na EBAU”.

Ademais, como sinala De Toro, a incorporación de mulleres filósofas nos libros de texto ofrece unha mellor calidade educativa e maior rigor. “Falamos de contar todo o relato, de non ocultar a verdade falseando a historia por omisión. A realidade é que sempre houbo filósofas, malia que as excluíron do canon e tiveron grandes dificultades para acceder a formación, impedimentos para publicar ou para exercer o uso da palabra no espazo público. Non contaron co recoñecemento dos seus compañeiros. As súas propostas non foron tidas en conta. Podemos preguntarnos que sería da nosa evolución se esas voces fosen tamén escoitadas”. Voces como as das seguintes filósofas:

Aspasia de Mileto (470 a. C. – 400 a. C.)

Unha das mulleres máis destacadas na Atenas do século V a. C. Mestra de retórica e oratoria, abriu unha escola para educar as nenas. Xunto co gobernador Pericles, colaborou no goberno do país e na redacción dos seus famosos discursos. Destacou tamén como médica e científica. Non obstante, tivo que sufrir ataques e críticas. De feito, foi acusada de corromper a sociedade de Atenas.

Neste mural están representadas (de esquerda a dereita) as figuras de Pericles, Aspasia, Platón, Antístenes e Anaxágoras. Foi pintado no século XIX polo pintor bávaro Karl Rahl e polo polaco Eduard Lebiedski (dominio público).

Hipatia de Alexandría (360 d. C – 415 d. C)

Profesora na escola de Alexandría. As súas clases eran diálogos co alumnado sobre filosofía, ética ou astronomía. Tamén foi unha importante científica. Construíu instrumentos como un destilador para medir o nivel da auga e mellorou o deseño dos astrolabios, instrumentos para determinar as posicións das estrelas. Escribiu sobre xeometría, álxebra e astronomía.
 

Olympe de Gouges (1748-1793)

Este era o pseudónimo utilizado por Marie Gouze, que ademais de filósofa foi escritora e a autora da “Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadá”. Pediu o voto feminino en plena Revolución francesa e defendeu que as mulleres tiñan os mesmos dereitos que os homes. Por este motivo, e por defender o grupo político dos Xirondinos, foi guillotinada.

Rosa Luxemburg (1871-1919)

A liberdade é sempre liberdade de quen pensa diferente”, “Quen non se move non sente as cadeas” ou “Por un mundo onde sexamos socialmente iguais, humanamente diferentes e totalmente libres” son algunhas das súas frases que pasaron á historia. Pacifista, antimilitarista e defensora da democracia, conta cunha gran produción teórica. Unha das súas principais obras é A acumulación do capital. Foi detida en varias ocasións polas súas ideas e foi torturada e finalmente asasinada en Berlín.

Monumento a Rosa Luxemburg en Erfurt (Alemaña) (dominio público).

Mary Wollstonecraft (1759-1797)

Esta filósofa inglesa escribiu Vindicación dos dereitos do home e Vindicación dos dereitos da muller, argumentando a favor da educación das mulleres, pois consideraba que a educación era a vía idónea para conseguir a igualdade. Hai quen a sinala como a primeira filósofa feminista.

Martha Nussbaum (1947-actualidade)

Defende que coa educación se aprende a comprender os demais e que sen as humanidades e as artes non seremos capaces de perseguir o ben común da democracia. Precisamente, son as humanidades as que estimulan a creatividade e o pensamento crítico, e fan que busquemos un mundo máis xusto. Ademais, defende que hai que educar para ser persoas, non para ser eficientes e rendibles economicamente ao sistema. En 2012 recibiu o Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais.

 

Algúns recursos para traballar na aula

Canal de YouTube Filósofas en la Historia

Ética para Celia, de Ana de Miguel

Filósofas. Del olvido a la memoria, de Nieves Soriano Nieto e Sergi Ferreres Codorniu

Ellas lo pensaron antes, de María Luisa Femenías

Mujeres filósofas en la historia, de Ingeborg Gleichauf