Amnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid Icons
Primeiro plano dunha radio de man @Pexels

Primeiro plano dunha radio de man @Pexels

Blog

Radios comunitarias, altofalante dos dereitos humanos

  • Unha radio desde a comunidade e para a comunidade. Un modelo de comunicación participativa. Outra forma de comunicar, outra forma de facer radio. As emisoras comunitarias non só informan, educan e entreteñen, senón que son defensoras dos dereitos humanos e contribúen ao desenvolvemento social e ao fortalecemento da identidade cultural, e son capaces de transformar a realidade social para dar lugar a unhas sociedades máis xustas e igualitarias.
Vega Alonso, colaboradora de Amnistía Internacional,

O seu papel apunta á democratización da palabra, dándolles voz aos sectores máis excluídos, que non teñen oco nos chamados medios de masas. Os “nadies”, como os denominaba Eduardo Galeano, encontran aquí o seu espazo para lle mostrar ao mundo todo o que teñen que dicir.

A isto contribúe o tipo de programación que emiten, os voceiros para cada tema, as relacións coa audiencia ou as actividades radiofónicas que realizan en comunidade. Ademais, desta forma foméntase a educación informal que caracteriza estes medios. Apréndense coñecementos técnicos e legais, foméntase a creatividade, apréndese a traballar en grupo, a falar en público e a defender os dereitos propios.

A comunicación participativa e o dereito á comunicación que defenden estas plataformas racha cos modelos lineais de emisor-mensaxe-receptor. Aquí, a audiencia é ao mesmo tempo produtora de programas, portavoz ou directora da emisora.

Outras voces en todo o mundo

As primeiras experiencias encontrámolas en América Latina nos anos cincuenta, impulsadas por unha vocación de denuncia, de loita social, como un espazo para a reflexión, e como unha reacción ante a desigualdade económica, política e social cos dereitos humanos sempre no centro.

En 1947 Radio Sutatenza comezou as súas emisións para a poboación campesiña de Colombia, e en 1949 un grupo de mineiros en Bolivia impulsou a Radio de los Mineros, na loita por mellores e máis xustas condicións de traballo. Tamén comezaron a adquirir un rol de alfabetización, como é o caso de Radio Santa María, na República Dominicana.

Primeiro plano dun micrófono nun estudio de gravación de radio @Pexels

Outras emisoras teñen tratado de favorecer o desenvolvemento concienciando sobre violencia de xénero e impulsando a igualdade, como Radio Voz de la Mujer, de Chile, ou o programa Las somos todas, de Radio Libre de Écija; loitando contra a corrupción, protexendo o medio ambiente e traballando pola prevención de desastres naturais a través da radio, como Radio Bálsamo, no Salvador, ou previndo enfermidades e concienciando sobre elas. Foi clave o papel das emisoras comunitarias en Serra Leoa durante a crise da epidemia de Ébola, polo seu labor informativo e de prevención. Durante o furacán Mitch en 1998, foron salvavidas. Encargábanse de coordinar as axudas internacionais e de animar a poboación afectada. Outro exemplo é o de Cholollan Radio, en México, que tenta achegarlle á poboación toda a información sobre a covid-19 e adaptala á lingua náhuatl.

Outras teñen dado protagonismo a colectivos que non teñen o seu sitio noutras grellas de programación. Os nenos, nenas, rapaces e rapazas foron a base de Radio Revista Los Chicos Pilas, en Ecuador. LT22 Radio La Colifata, da Arxentina, traspasou fronteiras poñendo sobre a mesa a importancia da saúde mental. Rapaces e rapazas do Centro Ocupacional Pintor Rosales de Madrid realizan o programa Échale papas en Radio Almenara.

La Voz de los Campesinos, de México, ten como bandeira os dereitos dos pobos indíxenas e a súa identidade cultural. Radio Victoria, no Salvador, recibiu o Premio Nacional á Promoción e Defensa dos Dereitos Humanos en 2019, polo seu papel para conseguir a prohibición da minaría metálica. A súa transformación social vai máis alá da súa comunidade, país ou continente, xa que moitos programas de emisoras comunitarias poden escoitarse por Internet.

O dereito á comunicación que defenden as radios comunitarias é a base para o cumprimento e a protección do resto de dereitos humanos, pois, na medida en que a cidadanía coñeza os seus dereitos, poderá protexelos e defendelos.