“Nunca dubides de que un pequeno grupo de persoas pode cambiar o mundo. De feito, sempre se conseguiu así.”
Margaret Mead
OLLO! Antes da primeira reunión, asegúrate de contactar co grupo local de Amnistía Internacional máis próximo ao teu centro.
O principal recurso de Amnistía Internacional son as persoas; é dicir, vós, os/as activistas! Aquí tes algún consello práctico e un guión orientativo de como levar adiante as primeiras reunións.
Consellos prácticos antes e durante as reunións
Comproba cuestións básicas antes das reunións:
- Fixáronse o lugar e a hora da convocatoria.
- A reunión planificada é curta, e ten hora de inicio e de peche.
- Os temas que tratar e os obxectivos desta están claros.
E durante elas:
- Alguén recibe a quen acode por primeira vez e encárgase de que todo o mundo se sinta cómodo.
- Alguén modera, facilita a comunicación e organiza o que se expón. Recolle as propostas e sintetiza o que falamos.
- Alguén toma notas do que falamos e elabora unha acta, que despois nos envía.
Durante a primeira reunión...
1.- Busca documentación acerca de en que consiste Amnistía Internacional, a Rede de Escolas e os grupos escolares. Podes facer uso dos materiais que aparecen no kit e levalos impresos á reunión para comentalos.
2.- Realiza unha dinámica de presentación. Na sección de recursos adicionais tes algunhas posibles dinámicas de presentación. Animámoste a fomentar a túa creatividade e propoñer variantes ou alternativas.
3.- É interesante coñecer as habilidades e os coñecementos que posúen os membros do grupo para adaptar as accións que se vaian realizar máis adiante. Suxerímosche comezar cunha simple chuvia de ideas, utilizando un encerado ou papelógrafo para ir recollendo as ideas con que poderdes traballar en reunións posteriores e que cada un asuma diferentes tarefas en función das súas habilidades e coñecementos. Pregúntalle ao grupo:
- Que habilidades tendes para lle achegar ao grupo? Por exemplo: idiomas, arte, coñecemento sobre algún país en concreto.
- Que coñecementos tendes sobre dereitos humanos? Alguén ten un coñecemento específico sobre algún deles?
4.Propón un debate sobre as seguintes cuestións:
- Que queremos e que necesitamos?
- Que podemos facer como grupo?
- Que cuestións e temáticas de dereitos humanos nos interesan e nos motivan máis a traballar?
OLLO! É importante incorporar algún dos temas prioritarios de Amnistía Internacional no traballo que se vaia desenvolver. Contacta co grupo local máis próximo para que te poidan orientar sobre isto, e, se é necesario, mesmo poden acudir á primeira ou segunda reunión.
5. Por último, dedica 10 minutos ao final da reunión para establecer cando e durante canto tempo serán as seguintes reunións. Trata de encontrar horarios que non entren en conflito con outras actividades. É importante ter en conta a dispoñibilidade que teñen as persoas para lle dedicaren tempo ao grupo.>
E despois, que?
1. Tras a primeira reunión, chegou o momento de decidirdes como grupo o tema ou temas nos que ides traballar. Suxerímosvos que vos centredes nunha única temática sobre a que realizar e planificar varias actividades. Podedes facer uso do traballado no punto 4 da primeira reunión e da información que recibistes do grupo local cando vos puxestes en contacto, xa fose a través do correo electrónico ou pola súa presenza durante a primeira reunión.
2. Unha vez escollido o tema ou temas que traballar, é hora de planificardes o ano. Facilitámosvos dous modelos para deseñardes a planificación de actividades. Este é un dos elementos fundamentais que permitirá que o grupo escolar funcione! Se tendes posibilidade, debuxade o modelo de planificación anual nun papelógrafo ou imprimídea a tamaño grande para tela sempre visible durante as vosas reunións.
3. Unha vez teñades deseñada a planificación anual, podedes ir traballando nas actividades. Animámosvos a utilizar os modelos de actividades que están na sección de recursos adicionais.>
OLLO! Debedes incorporar á vosa planificación tanto unha parte formativa como unha de acción. Hai moitos casos polos que está a traballar Amnistía Internacional que precisan da vosa axuda! Propoñede sempre recollidas de sinaturas, mensaxes de solidariedade ou accións en que o voso grupo e o resto do alumnado e o profesorado poida implicarse.
Non esquezas:
- Na medida do posible, nas reunións apoiádevos en vídeos, fotos e testemuños, pois axudarán a facelas máis amenas.
- Poñede “cor” ás reunións con zumes, refrescos, caramelos ou algo apetitoso. Se son longas, dade tempo para o descanso.
- Segundo a enerxía, o tempo libre e a motivación dos/as compoñentes do grupo, acordade quen pode implicarse nas tarefas e o activismo entre reunións, en función do tempo dispoñible de cada persoa.